Wednesday 08 de May de 2024

A AMTEGA publica no Repositorio de Software Libre da Xunta a aplicación web de xestión de aulas da rede CeMIT


XEA é unha ferramenta que permite a xestión unificada e coordinada das actividades, axentes e usuarios das aulas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de publicar no Repositorio de Software Libre da Xunta, a aplicación web de xestión de aulas (XEA) desenvolvida para as a aulas da rede CeMIT, en colaboración con Fundetec. No Repositorio está xa dispoñibles con licenzas libres tanto o código fonte completo da aplicación como a súa documentación.

Deste xeito, a Amtega posibilita a reutilización desta aplicación por calquera outra iniciativa similar á rede CeMIT, que disporá dunha completa aplicación de xestión de aulas que poderán adaptar ás súas necesidades. Así mesmo, facilítanse posibles iniciativas de colaboración que permitan a súa mellora e incorporación de novas funcionalidades.

XEA-CeMIT, aplicación de xestión da rede CeMIT
A rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que integra un total de 98 aulas, repartidas por toda a xeografía galega, e que ten por obxectivo a redución da fenda dixital, impulsando, ofreciendo formación pública e gratuita en novas tecnoloxías a cidadáns eempresas. A rede CeMIT ten rexistrados máis de 40.000 usuarios e leva impartidas máis de 144.000 horas de formación.

XEA facilita a xestión de todos os recursos da redes, adaptándose ás necesidades de axentes TIC e usuarios. Por unha banda, a aplicación permite aos usuarios a consulta sobre todas as actividades de formación que se ofertan nos distintos centros da rede, a inscrición nas mesmas, apoio para a súa realización e a obtención de certificados de aproveitamento dos mesmos. Por outra, facilita aos axentes TIC, responsables dos centros e das actividades a organización da súa actividade diaria.

Colaboración con Fundetec
XEA é unha adaptación, desenvolvida por Fundetec para a Amtega, da aplicación ISIS que Fundetec desenvolvera previamente para a xestión do programa CyLDigital da Junta de Castilla y León.

Co obxectivo de facer extensible os beneficios desta reutilización de software a toda a comunidade, a Amtega iniciou a colaboración con Fundetec a fin de publicar a aplicación XEA-Cemit no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.

Esta colaboración entre a Amtega e Fundetec enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia que pon á disposición da Administración Pública galega o servizo de certificación de liberación de software. A aplicación XEA libérase cunha licenza libre dual; EUPL (European Union Public License) e ASLv2 (Apache Software License version 2).

O código fonte pode ser descargado dende a páxina do proxecto no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.